martes, 28 de abril de 2020

NATURAIS 5º EP

CLASIFICACIÓN DA MATERIA

Ola rapaces, xa sabemos o que é a materia, xa sabemos tanto as propiedades xerais como específicas, agora imos ver como podemos clasificala. 

Temos dúas formas de clasificación: 
  • según os estados (sólido, líquido ou gasoso).
  • según estean ou non formados por unha única substancia ou por varias substancias. Neste caso, falamos de substancias puras e mesturas.
  • SUBSTANCIAS PURAS: están formadas por un único tipo de materia. Por exemplo, a auga, a prata, o ouro, o diamente ... Non se poden separar no seus compoñentes.
  • MESTURAS: están compostas por dúas ou máis substancias puras, que son os compoñentes da mestura. Por exemplo, o pan (formado por fariña, auga, sal ...).  Poden separarse por diferentes métodos. As mesturas poden ser de dous tipos: 
      • HETEROXÉNEAS: as substancias que a forman están ben visibles. Podemos distinguilas por tanto a simple vista. Por exemplo unha pizza na que temos aceitunas, masa, tomate, champiñóns... e podemos diferenciar perfectamente un material do outro.
      • HOMOXÉNEAS (OU DISOLUCIÓNS): as substancias que o forman están tan ben mesturadas que a simple vista é imposible recoñecer os compoñentes. Por exemplo unha crema de cenoura, leva cenoura, pataca, leite,.... pero está todo tan ben mesturado que nos unicamente vemos unha crema de cor laranxa... 
                              Podemos atopar diferentes tipos de substancias homoxéneas:
            • Gasosas: como o aire, que está formado por diferentes gases, entre eles o osíxeno e o dióxido de carbono.
            • Líquidas: por exemplo a auga de mar, que leva sal disolta.
            • Sólidas: como as aliaxesque están formadas pola unión de dous ou máis metais. Por exemplo, o bronce, formado pola fusión de cobre e estaño.                                       




Anímovos a practicar estes conceptos neste xogo: tedes que aplastar ao topo que ten a imaxe dunha substancia homoxénea!!!




ACTIVIDADE 1: Cal é a diferenza entre unha substancia pura e unha homoxénea?

ACTIVIDADE 2: Se mesturamos auga e vinagre, que tipo de mestura temos? e se mesturamos auga con aceite?

ACTIVIDADE 3: Pensa e razoa: 
  • Temos un vaso con auga e sal, como farías para separa os seus compoñentes?
  • Temos un vaso con auga e area, como farías para separar os seus compoñentes?
  • Temos un vaso con area e virutas de ferro, como farías para separar os seus compoñentes?
  • Indica que tipo de mestura é cada caso.
ACTIVIDADE 4: Clasifica (nunha táboa similar a que vos deixo) os seguintes elementos en puros ou mesturas homoxéneas e mesturas heteroxéneas:

Níquel, ensalada, auga, aceiro, cobre, prata, diamante, ferro, aire, granito, cuarzo, crema de cabaza, pizza, puré de pataca, leite con cacao, chocolate puro, chocolate con leitre, chocolate con améndoas.


ACTIVIDADE 5: Investiga: hai unha lenda que dá orixe a expresión "Eureka!" relacionada coa densidade. Intenta atopala e contar esta historia ao teu xeito.

ACTIVIDADE 6: Aquí está o cuestionario coa materia da pasada semana. Boa sorte e moito ánimo!


Podedes realizar a actividade en Word e enviala por mail, ou ben, directamente no propio corpo da mensaxe que enviedes no correo! De non ser posible, recurride as fotografías como sempre. As dúbidas no correo. Vémonos pronto con máis contidos!!!


SOLUCIÓN AO ENIGMA O PESO DAS ALMAS: como todo enigma, moitos de vos levaredes unha sorpresa!!!! espero que ao deixar esta solución de xeito gráfico vos sexa máis fácil de comprender. 
Gustouvos?, sorprendente, non????